lunes, 22 de marzo de 2021

Repensando o patio III

 Avanzamos na conquista do noso propio espazo e continuamos a imaxinar como queremos que sexa o patio da nosa escola.

Esta semana, despois de que as mestras se reuniran de novo con LUPO a través de videoconferencia, fixemos unha nova aproximación, desta vez máis tanxible. 


Cada aula recolleu o traballo das demais e fixo as súas propias achegas para poder amplialo e melloralo.

A aula de 4 anos comezara xa a traballar no plano debuxando nel ideas do que lles gustaría que fose. Se non vos lembrades podedes velo de novo clicando AQUÍ

Unha desas ideas era incluir unha pedra no patio. Os nenos e nenas de tres anos, tomando como punto de partida esta idea e cunha pataca como elemento simbólico, estiveron a pensar a forma e usos que podería ter dita rocha.


Os nenos e nenas de 5 anos, pola súa banda, ampliaron e engadiron as súas propias ideas ao plano debuxado polos nenos e nenas de 4. Ademais, matizaron tamén o traballo dos nenos e nenas de 3 anos sobre a pedra do patio modelando a súa propia con arxila e poñendo en común as características indispensables para a mesma (un lugar para deslizarse, outro de agocho ou retiro, outro para subir, outro para estar).


Por último, os nenos e nenas de 4 anos, foron un paso máis alá e quixeron reproducir o patio exterior nunha maqueta para poder engadirlle todos estes elementos que nos gustaría que conteña.

Para iso observaron dende altura e in situ, dividiron mentalmente o espazo en formas xeométricas, fixeron un esbozo ou croquis conxunto e plasmárono en cartón pluma. Velaiquí o resultado.



Seguimos traballando!


No hay comentarios:

Publicar un comentario